CAROLA

A familia Trebón vén dunha Galaxia moi afastada ata a Terra, á que eles chaman o Planeta Verde. Aquí temos á nai extraterrestre. Moi aguda e intelixente. Enxeñosa e con gañas de aprender. Normalmente é ela quen conduce a nave espacial… Pero esta vez deixou que Anselmo collese o volante e…. aiaiaii!

ANSELMO

Velaí o pai extraterrestre. É de moi bo corazón… pero algo testán e zoupón. Ás veces máis traste que un cativo. E de feito son os cativos os que lle ensinan en moitas ocasións como facer as cousas ao xeito. Por certo, non é moi bo condutor de naves espaciais… Aiaiai… Anselmo, mira ben por onde vas, non vaias chocar con ese planeta verde e azul…!

LUCAS

O fillo de Carola e Anselmo. Está encantado de ter chegado a ese planeta verde e azul que se vía dende o espazo exterior. Sorprendido con todo o que ve e descobre. Aprende axiña sobre a vida no Planeta Verde e pregunta moito sobre todas as cousas. Este próximo curso quere ir á escola e compartir pupitre cos terrícolas. Así está seguro de que conseguirá aprender moitas máis cousas sobre o Planeta Verde!

O CAN ANTENAS

Velaquí un can moi especial… pero tamén, dende logo, un can moi “espacial”. Si amigos, coñeciades algún can extraterrestre? Pois aquí tedes un! Chegado do Planeta Trebón. Non é moi falador, pero está sempre moi atento a todo o que pesa ao seu redor. Sabemos tamén que é un pouco lambonciño… Mmmm, e que vaia cousas tan ricas que hai no planeta Terra!

LILIA

Amiga inseparable de Vito. Son compañeiros de xogos e compañeiros de escola. Ademais, xuntos gústalles vixiar que todos sexamos un pouco máis respectuosos co medio ambiente. Ten moita paciencia e acostuma a explicarlle as cousas a Anselmo. Despaciño, para que as entenda ben! A Lilia gústalle moito a natureza e coñece o nome de moitas plantas. No verán encántalle ir ao mar, e ten un libro onde aparecen debuxos de moitos peixes. Tamén lle gusta saír coller cogumelos en outono.

VITO

Amigo inseparable de Lilia. Son compañeiros de xogos e compañeiros de escola. Ademais, xuntos gústalles vixiar que todos sexamos un pouco máis respectuosos co medio ambiente. Con Lilia fai tamén de anfitrión para a familia de extraterrestres, axudándolles a coñecernos un pouco mellor. Sempre está moi contento e sorrinte. Ten un telescopio e, nas noites estreladas, gústalle mirar o ceo e ver os planetas e constelacións.

O GATO EVARISTO

Todo un señor gato o noso Evaristo. Ás veces é un pouco presumido e sabichón, pero sempre moi bo amigo. Gústalle apuntar cousas no seu caderno. E tamén é un bo fotógrafo. Amigo inseparable dos rapaces Vito e Lilia fixo tamén moi boas migas coa familia Trebón. Lévase especialmente ben co can Antenas.

O PROFESOR UXÍO

Enxeñeiro, médico, veterinario, inventor… un sabio capaz de sorprendernos con mil e unha cousas!