A túa comida ten algo que dicirche

• Esta iniciativa online lánzase o Día Mundial do Medio Ambiente (5 de xuño) para lembrar que o desperdicio alimentario, ademais de traer consigo un negativo impacto a nivel económico e social, tamén supón un grave impacto ambiental

• Un terzo dos alimentos que se producen no mundo para o consumo humano desperdícianse; esta porcentaxe tradúcese, no caso de España, en 7,7 millóns de toneladas, posicionándose como o sétimo país da UE que máis comida refuga, correspondendo o 42% aos propios fogares.

• A campaña está conformada por unha serie de pezas divulgativas a través das cales se pretende dar a coñecer esta problemática aos cidadáns, sensibilizalos para poder atallala e alentalos a que articulen os mecanismos necesarios para diminuír a cantidade de comida que cada día acaba no cubo do lixo.

Sogama, co apoio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, lanza, no marco do Día Mundial do Medio Ambiente (5 de xuño), unha nova campaña que, baixo o lema “A túa comida ten algo que dicirche”, ten por obxecto contribuír a reducir o desperdicio alimentario.

Os datos dispoñibles evidencian a necesidade de poñer freo a un problema que cada vez vai a máis. Un terzo dos alimentos que se producen no mundo para o consumo humano desperdícianse; esta porcentaxe tradúcese, no caso de España, en 7,7 millóns de toneladas, posicionándose como o sétimo país da Unión Europea que máis comida refuga. O 70% dos españois asegura comprar máis alimentos dos que realmente precisa e o 18% dos adquiridos van directos ao lixo sen preparar.

Anualmente son 175 kg de comida desperdiciada por habitante, co gran custo económico e ambiental que isto supón. De feito, precísanse 130 litros de auga ao día por persoa só para producir a comida que refugamos, coa particularidade de que o custo do desperdicio alimentario do planeta equivale ao PIB de Suíza.

Así mesmo, reducindo a cantidade de comida refugada, tamén se minimizan as emisións de gases de efecto invernadoiro á atmosfera.

Se ben o desperdicio alimentario ten lugar en todos os elos da cadea (fase de colleita, recollida, transporte, comercialización e consumo), o certo é que os fogares son os responsables do 42% da comida refugada.

Con todos os alimentos que se desperdician en Europa, poderíase dar de comer a 200 millóns de persoas. Non obstante, e facendo unha análise máis profunda, é preciso tomar conciencia de que, cando se tira un alimento, tamén se tira todo o traballo e gasto, tanto económico como de recursos, que supuxo a súa produción (o esforzo dos agricultores, as sementes, o combustible, a auga e a enerxía, entre outros).

O mesmo acontece con aqueles produtos que se descartan do circuíto comercial porque non cumpren cos canons estéticos predeterminados, é dicir, os denominados alimentos “feos”, malia que a súa calidade e valor nutritivo é exactamente igual que o dos “guapos”.

OS ALIMENTOS ALZAN A VOZ PARA QUE SE LLES ESCOITE

“A túa comida ten algo que dicirche” é unha campaña que está conformada por unha serie de pezas divulgativas a través das cales se pretende dar a coñecer esta problemática aos cidadáns, sensibilizalos para poder atallala e alentalos a que articulen os mecanismos necesarios para diminuír a cantidade de comida que cada día acaba no cubo do lixo.

Con tal fin, deuse voz aos propios alimentos a través da personificación dos mesmos, sendo os verdadeiros protagonistas desta iniciativa. Falan, maniféstanse e defenden os seus dereitos para ser aproveitados e reutilizados, xa que ningún quere ser refugado. Consideran que todos poden dar o mellor de si, polo que piden que, antes de ser refugallos, se lles dea outra oportunidade.

Así as cousas, e coa pretensión de que a mensaxe chegue a distintos públicos, a campaña está conformada por un vídeo de 1 minuto de duración, 5 microvídeos de 20 segundos, banners e unha serie de soportes didácticos a través de diversos formatos: un calendario de alimentos de tempada (froitas, verduras e peixes), consellos para reducir o desperdicio alimentario, guía de boas prácticas para facer a compra e conservar os produtos, planificación dos menús e compra semanal, tempos de conservación no frigorífico e receitarios descargables, entre os que figura o propio de Sogama “Para repañar ou prato”, no que se recollen suculentos menús elaborados integramente a partir de sobras de comidas.

Ligazón campaña: http://www.sogama.gal/a_tua_comida_ten_algo_que_dicirche/

ALGÚNS EXEMPLOS DE BOAS PRÁCTICAS

• Non compres por impulsos. Planifica o teu menú semanal antes de ir á compra e adquire só os produtos necesarios para preparalo.

• Comproba con frecuencia o contido do frigorífico e da despensa. Reorganiza os alimentos para consumir antes os que van caducar ou a estragarse en breve.

• Identifica e distingue a data de caducidade (a partir da cal o alimento pode supoñer un risco para a nosa saúde) da data de consumo preferente (o alimento perde cualidades, pero non supón unha ameaza).

• Dá preferencia aos produtos frescos e de proximidade. Así contribuirás a reducir a pegada ambiental.

• As promocións, packs e agasallos poden facerche comprar artigos innecesarios ou cantidades excesivas.

• Compara o prezo por unidade, litro ou peso dos produtos, non o que indica a etiqueta.

• Non vaias con fame a facer a compra, xa que che pode levar a tomar decisións impulsivas e non baseadas nas túas necesidades.

• Non escollas os produtos frescos baseándote na súa aparencia estética. Selecciónaos seguindo o calendario de produtos de tempada e a súa proximidade.

• Comprar en comercio local garante un trato moito máis próximo, o impulso da economía da nosa contorna e o consello persoal do profesional no punto de venda.

• Axusta as racións ao número de comensais e, se sobra comida que non vas poder consumir, repártea entre os invitados.

• Conxela os alimentos antes de que se estraguen e aproveita os sobrantes para elaborar novas receitas.

• Se vas a un restaurante, pide a comida que sobre para levar a casa.

• Se dispós de horta ou xardín, os restos orgánicos non comestibles poden transformarse en abono natural con extraordinarias propiedades para o solo.

COMPARTE