Vídeo didáctico para explicar as múltiples vantaxes da compostaxe doméstica

Cun cambio de enfoque e estilo, Sogama saca á luz un novo vídeo didáctico a través do cal explica os pormenores da compostaxe doméstica e pretende concienciar á poboación sobre os beneficios que esta práctica ten desde o punto de vista ambiental, económico e social.

Nunha contorna de imaxes reais combinadas con debuxos animados, a cinta está protagonizada por Lola, unha nena de 8 anos, e o seu pai Xoán. Ambos residen nunha vivenda unifamiliar do rural galego. A inquietude de Lola pola reciclaxe da materia orgánica xorde cando a súa profesora anuncia no colexio que instalarán un composteiro no recinto escolar para que o alumnado aprenda a transformar en compost os restos orgánicos. A pequena pronto se interesa por esta práctica e decide solicitar a axuda do seu pai para que lle explique os pormenores da mesma.

MODUS OPERANDI

O seu proxenitor trasládalle que a compostaxe consiste nun proceso natural mediante o cal a materia orgánica descomponse e transfórmase nun abono natural de alta calidade para fertilizar a terra de forma ecolóxica. Pero, para que se leve a cabo de forma axeitada e con máximas garantías, advirte sobre a necesidade de ser coidadosos cos materiais a depositar neste recipiente, debendo introducirse no mesmo os restos de comida, cascas de ovo, arroces e pasta cocida, pan, pousos de café, té e infusións, restos de poda, fibras naturais, papel, cartón e xornais. Pola contra, non poden introducirse no composteiro aceites vexetais e minerais, restos de plantas con pesticidas, madeira tratada con pinturas e vernices, produtos lácteos, follas de piñeiro ou eucalipto, medicamentos, cueiros, papel impreso con tinta a cor, vidro, metal, plástico, …

Para facilitar a entrada dos organismos descompoñedores, o composteiro debe estar situado en contacto coa terra, debendo manter o usuario un control de parámetros tales como o osíxeno (xa que o compost só se logrará se hai presenza de osíxeno, sendo importante remover a mestura), a temperatura (entre 50 e 60 graos) e a humidade (a mestura debe estar húmida, pero non mollada).

RESULTADOS E BENEFICIOS

O resultado é unha terra de cor negra e escura que se emprega como fertilizante natural para nutrir o solo e protexelo fronte a posibles pragas e enfermidades. Pero, ademais, esta técnica ten outras vantaxes, xa que, ao reciclar a materia orgánica en orixe, que vén a representar en torno ao 42% da composición media dunha bolsa de lixo doméstico tipo, evítase que esta acabe no contedor verde xenérico, propiciando unha diminución na frecuencia de recollida e transporte do lixo e, xa que logo, unha redución das emisións de CO2 á atmosfera, minorando a cantidade de residuos entregados nas plantas de tratamento, coa conseguinte redución de custos.

A día de hoxe, 356 entidades (202 concellos, 132 centros educativos e 22 colectivos sociais), atópanse adscritas ao programa de compostaxe doméstica de Sogama, tendo repartido entre as mesmas máis de 14.400 composteiros.

Ademais de sobre estas liñas no propio Caderno Verde, o vídeo está a disposición dos interesados en www.sogama.gal e www.compostaconsogama.gal

https://vimeo.com/478385215

http://www.sogama.gal/gl/info/multimedia

COMPARTE